• RSS Info Sida

  • RSS CDC HIV/AIDS

  • RSS VHI/SIDA en Cruz Roja


  • A infección polo VIH (virus de inmunodeficiencia humana) e a SIDA (síndrome de inmunodeficiencia adquirida) continúa sendo un dos principais problemas de saúde pública que padece a nosa sociedade, polo que cómpre o incremento e mellora das actividades encamiñadas a enfrontalo.


    Dentro do marco das actividades anti VIH/SIDA en Galicia débeselle prioridade a atende-la demanda e financiamento de proxectos ou actividades de investigación/acción co obxectivo dobre de que ó mesmo tempo que se contribúe directamente á acción global anti-VIH tamén, mediante a avaliación e valoración desas experiencias, se poidan estender aquelas que acheguen resultados positivos e útiles no proceso de lograr unha maior esixencia das nosas accións, aconsellado polas estratexias e directrices marcadas no ámbito da infección por VIH/SIDA.
    Seguindo esta liña marcada anteriormente e cos obxectivos de potenciar e avaliar estas actividades, convócanse estas axudas.
    Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,
    DISPOÑO:
    1. O obxecto da presente orde é a convocatoria de axudas económicas para proxectos ou accións de investigación/acción, actividades de interese comunitario no campo da vixilancia epidemiolóxica, información, prevención e atención sociosanitaria do VIH/SIDA.
    Estas axudas irán dirixidas a aquelas persoas ou institucións que desenvolvan as anteditas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia, con especial consideración das solicitadas presentadas por institucións públicas ou benéfico-privadas sen ánimo de lucro.
    2. As actividades que poden ser obxecto das subvencións reguladas na presente orde estarán encadradas dentro das actividades anti VIH/SIDA no campo da saúde pública.
    Así, terán consideración preferente aquelas actividades que aborden os seguintes contidos:
    a) Realización de accións preventivas sobre colectivos de especial interese para evita-la transmisión do VIH/SIDA e avaliación dos seus resultados. Entre os colectivos de especial interese dáselles prioridade ós de prostitución, homosexualidade, usuarios de drogas por vía parenteral (UDVP), xoves e internos en institucións penitenciarias.
    b) Estudios de nivel de información, actitudes e comportamentos da poboación galega ou colectivos desta en relación con esta infección.
    c) Recollida, realización e difusión continuada de información relacionada co VIH.
    d) Investigación social e actividades para evita-la discriminación.
    e) Atención e soporte psíquico do afectado e o seu contorno.
    f) Actividades de grupos de autoapoio de portadores de VIH/SIDA.
    g) Actividades de formación de persoal que realice a súa actividade no campo do VIH/SIDA.
    h) Todas aquelas actividades que se encadren nas pautas establecidass pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais en relación co VIH/SIDA.
    3. As axudas concedidas irán destinadas a cubri-la totalidade ou parte dos gastos de financiación do proxecto ou acción realizada no presente ano, de acordo cos seguintes conceptos:
    a) Materiais e recursos necesarios para levalos a cabo.
    b) Desprazamentos e actividades de organización relacionadas co seu desenvolvemento.
    c) Actividades formativas dos propios membros do grupo de intervención.
    d) Deseño e dirección.
    4. O importe total das axudas reguladas pola presente orde ascenden a 30.000.000 de ptas, que se farán efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 1102.313.A.780.0 na que existe crédito orzamentario suficiente.
    5. As solicitudes formularanse de acordo co modelo que figura no anexo I desta convocatoria e acompañaranse dunha memoria explicativa do proxecto ou acción que se está realizando ou pretende realizar, memoria que se elaborará seguindo o modelo que figura no anexo II, cunha extensión máxima de 15 páxinas.
    6. As solicitudes, dirixidas á Dirección Xeral de Saúde Pública, e maila documentación complementaria deberán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou polos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 20 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
    7. Para a selección das solicitudes formuladas valoraranse as seguintes características:
    a) Adecuación de contidos ós recollidos no artigo 2º.
    b) Actividades preventivas que recollan os enfoques relacionados a continuación:
    1. Prostitución.
    1.1. Educación para a saúde dos e das profesionais do sexo.
    – Accións preventivas.
    – Proxectos realizados con participacion dos/das interesados/as.
    – Fomento do uso do preservativo.
    – Facilitación do preservativo.
    1.2. Protección dos/das clientes da prostitución.
    – Información e educación sanitaria.
    2. Prevención da transmisión do VIH entre homes con prácticas homosexuais ou bisexuais.
    – Programas de información e educación para a saúde coa participación e colaboración de asociacións/organizacións de homosexuais.
    – Medidas para aumenta-la accesibilidade ós preservativos.
    – Programas específicos para xoves homo/bisexuais.
    – Programas tipo outreach que faciliten o acceso a información acerca das mediddas de prevención e dos medios necesarios para levalas a cabo.
    3. Reducción de riscos en usuarios de drogas por vía parenteral.
    3.1.Programa de intercambio de xiringas.
    – Posta en marcha de novos puntos ou ampliación do número ou da oferta de servicios dos existentes, de acordo cos criterios establecidos no funcionamento deste subprograma.
    – Programa piloto que inclúa máquinas intercambiadoras de xiringas.
    3.2. Prevención da transmisión sexual do VIH desde os centros de atención a drogodependentes, tanto libres de drogas como de reducción de danos.
    – Formación de profesionais, obradoiros de sexo seguro e distribución de preservativos.
    3.3. Programas de rúa ou de achegamento con participación de usuarios ou ex _usuarios.
    4.Xoves.
    4.1. Promoción de hábitos sexuais saudables.
    – Educación para a prevención do VIH no contexto de programas de educación afectivo-sexual.
    – Campañas de información/sensibilización dirixidas especificamente a xoves.
    4.2. Programas dirixidos a xoves non escolarizados (adolescentes en situación de risco e fóra do ambiente familiar).
    – Programas de prevención do VIH en centros tutelares de menores.
    – Obradoiros e actividades en centros de encontro de xoves.
    – Obradoiros extraescolares.
    c) Proxectos coordinados entre distintos servicios e/ou institucións dunha mesma zona queteñan incidencia positiva no esforzo global anti VIH/SIDA entre a súa poboación.
    d) Acción que continúa as actividades subvencionadas en anos anteriores.
    e) Previsión dunha acción continuada en anos posteriores.
    f) Solidez e coherencia na concepción dos proxectos ou accións, expresadas polo rigor e concreción dos obxectivos, poboación diana, consistencia metodolóxica, tipo e temporalización das actividades, recursos que se mobilizarán e sistemas de avaliación deseñados.
    g) Axuste entre o custo e o orzamento presentados.
    h) A distribución de subvencións poderá ser total ou parcial. No caso de ser parcial garantirase a realización do proxecto axustando o seu deseño á subvención concedida.
    8. Para a selección e aprobación definitiva das axudas constituirase unha comisión integrada:
    – Pola directora xeral de Saúde Pública ou persona en que delegue, que actuará como presidente.
    – Pola subdirectora xeral de Programas de Saúde Pública ou persoa en quen delegue.
    – Polo xefe do Servicio de Prevención e Control da Infección por VIH/SIDA e doutras enfermidades transmisibles.
    – Por un técnico do dito servicio.
    – Por un funcionario da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que actuará como secretario.
    9. A resolución da presente convocatoria será publicada no D.O.G., facéndose consta-la contía da axuda concedida.
    Se as solicitudes non se resolvesen no prazo de tres meses desde que tiveran entrada no rexistro do órgano administrativo competente para resolver, entenderanse desestimadas.
    10. O pagamento das axudas ós proxectos ou accións seleccionadas, cando non exceda de 5.000.000 de ptas., poderase realizar mediante pagamentos parciais a medida que o beneficiario xustifique os gastos realizados, sen que estes pagamentos poidan supera-lo 80% da subvención concedida.
    O resto do importe librarase no momento da completa xustificación, por parte do beneficiario, do cumprimento da finalidade e demais condicións para a que foi concedida.
    Cando o importe das subvencións supere a cifra de 5.000.000 de ptas., poderanse efectuar pagamentos parciais a conta da liquidación sempre que concorran os requisitos e as circunstancias previstas na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999.
    En todo caso, de acordo co establecido no artigo 79 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, antes de que se proceda á tramitación da fase de proposta de pagamento realizada por quen recoñeceu a existencia da obriga, o beneficiario da subvención acreditará que se atopa ó día das súas obrigas tributarias e sociais e que non ten pendente o pagamento de ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública na Comunidade Autónoma. Non estarán suxeitos a esta obriga os beneficiarios das subvencións cando a súa contía sexa inferior a 250.000 ptas., de acordo co sinalado na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999.
    11. Unha vez realizado o proxecto ou acción, que en ningún caso poderán pasar do 31 de decembro de 1999, deberá remitirse á Dirección Xeral de Saúde Pública no prazo de 30 días a memoria xustificativa da aplicación definitiva dos fondos recibidos e que conterá as distintas fases de realización así como os resultados e conclusións.
    Se o proxecto ou acción non fose realizado na súa totalidade no prazo establecido, ou concorrera algunha das causas establecidas no artigo 78.5º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, procederase á revogación da axuda concedida e á devolución do diñeiro percibido cos correspondentes xuros de demora.
    DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
    Primeira.- A Dirección Xeral de Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, avaliación e difusión dos proxectos ou accións selecionadas.
    Segunda.- Autorízase a Dirección Xeral de Saúde Pública para dicta-las instruccións necesarias que permitan a aplicación e desenvolvemento desta orde.

    Volver