• RSS Info Sida

  • RSS CDC HIV/AIDS

  • RSS VHI/SIDA en Cruz Roja


  • Na actualidade a infección polo VIH constitúe unha pandemia da que poucos países escapan, continuando a súa rápida expansión tanto xeográfica (en cada novo informe de situación mundial da OMS engádense novos países) como no múmero dos afectados. Os graves problemas que orixina a nivel mundial levou á OMS a instituír un programa especial sobre o SIDA, cunha importancia similar á que tivo o programa que erradicou a variola hai dez anos, e co lema de que un esforzo mundial conseguirá detelo.


    En Galicia, na actualidade, o número acumulado de casos do SIDA diagnosticado é moi reducido, pero o coñecemento que hoxe en día temos, tanto da historia natural da infección e modos de transmisión como das características específicas da infección en España e en Galicia, indícannos, por unha banda, que a prevalencia de infección entre determinados colectivos xa é elevada, e por outra, que a posibilidade da diseminación do virus entre toda a poboación, a través da vía heterosexual, é xa unha realidade á que temos que dar resposta.
    A ausencia de medidas profilácticas e terapéuticas específicas (situación que persistirá aínda perante unhos anos), a rápida extensión do SIDA e da infección, o gran impacto económico e social que orixinou e continuará orixinando, todo esto provocou a aparición de novos e complexos problemas que fan necesaria a intensificación dos esforzos en prevención e control da infección que esta Consellería veu desenvolvendo ata hoxe. Pero tamén é necesario o desenvolvemento de novas estratexias de actuación, adecuadas á complexidade do problema.
    Un primeiro paso foi a creación, pola Orde do 10 de marzo de 1987, da Comisión de Seguimento e Control do Sida en Galicia, iniciativa que é preciso completar hoxe ca creación dun programa sanitario que, mediante unha estratexia global e coordenada, articule as medidas necesarias para diminuir a propagación da infección polo VIH, facer frente ás súas consecuencias físicas, psíquicas, sociais e económicas, sobre os individuos e a sociedade no seu conxunto, tendo sempre en conta os dereitos dos individuos a unha información efectiva, á liberdade e á súa vida privada.
    En consecuencia, vistas as competencias que, de acordo co artigo 33 do Estatuto de Autonomía de Galicia, lle corresponden á Xunta de Galicia en materia de Sanidade e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 36.2 da Lei 1/1983 do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente,
    DISPOÑO:
    1. Créase o plan autonómico para a prevención e control do SIDA e das infeccións relacionadas co virus da inmunodeficiencia humana (VIH), a desenvolver pola Dirección Xeral de Saúde Pública.
    2. O plan ten como finalidade ordear, coordinar e promover tódalas accións relacionadas ca prevención e control das infeccións producidas polo VIH, ca reducción da mortalidade e morbilidade por elas producida. E isto o fará nos campos da vixilancia e investigación epidemiolóxica, da formación de persoal sanitario e de outras profesións con un papel a xogar na prevención e asistencia, da información e educación sanitaria, da planificación e coordinación dos servicios e actividades asistenciais e de evaluación xeral.
    3. Son obxectivos prioritarios do plan os seguintes:
    – Organiza-la evaluación permanente do impacto do SIDA e infeccións relacionadas mediante a vixilancia epidemiolóxica.
    – Organiza-las medidas de prevención destinadas a informar e educar á poboación sobre os factores de risco e as conductas que se deben evitar.
    – Avalia-las necesidades asistenciais actuais e futuras e organiza-las mesmas, para os diferentes estudios da infección.
    – Organiza-la formación dos profesionais sanitarios, sobre todo dos máis comprometidos co problema.
    4. Os obxectivos previstos no artigo anterior desenvolveranse mediante:
    1. A Comisión de Coordenación do Plan Galego do SIDA.
    2. Os Comités de Asesores Técnicos.
    3. O Coordenador do Plan.
    5. A Comisión de Coordenación estará presidida polo Conselleiro de Sanidade e estará composta polos seguintes membros:
    – Vicepresidente 1.º: O Director Xeral de Saúde Pública.
    – Vicepresidente 2.º: O Director Xeral de Asistencia Sanitaria e S.S.
    Vocais: O Subdirector Xeral de Promoción e Protección da Saúde.
    O Director Xeral de Asistencia Social (Consellería de Traballo e Benestar Social).
    O Director Xeral de Ensinanzas Medias (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria).
    O Coordenador do Plan.
    Tamén poderá fomar parte da Comisión:
    – O Director Comisionado do Insalud ou persoa en quen delegue.
    – Un representante dos Colexios Médicos.
    – Un representate dos Colexios de A.T.S. D.U.E.
    – Un representante da Cruz Vermella.
    – Un representante das organizacións cívicas interesadas na loita contra esta epidemia.
    Así mesmo, poderán incorporarse a esta Commisión aquelas outras persoas das que se considere necesaria a súa participación, a proposta do Conselleiro de Sanidade.
    6. As funcións principais da Comisión de Coordenación serán:
    – Estudio das accións que se vaian desenvolver elaboradas polos comités asesores e fomalización das propostas pertinentes para alcanza-las finalidades do programa.
    7. Os Comités Asesores Técnicos para o desenvolvemento do plan estructúranse como segue:
    1.- Comité Clínico-Asistencial: estará composta por un número de vocais non maior de 10 persoas nin inferior a 6, nomeados polo Director Xeral de Saúde Pública, a proposta dos diferentes Colexios Profesionais con membros neste Comité. As funcións principais deste Comité son as relacionadas cos aspectos clínicos, de investigación, de diagnóstico e tratamento do SIDA e das infeccións relacionadas co VIH.
    2.- Comité de Prevención e Educación: estará composto por un número de vocais non maior de 10 persoas nin inferior a 6, nomeados polo Director Xeral de Saúde Pública, a proposta dos diferentes Colexios Profesionais con membros neste Comité. As funcións principais deste Comité son as relativas ós aspectos de prevención, control, información, educación sanitaria, seguimento epidemiolóxico no ámbito da Comunidade Autónoma e tarefas de avaliación do plan.
    3.- Comité de Confirmación de Caso: estará composto por oito vocais, dos cales dous serán funcionarios da Dirección Xeral de Saúde Pública, e os restantes serán nomeados polo Director Xeral de Saúde Pública, a proposta dos Colexios Médicos das catro provincias.
    8. A Dirección de Saúde Pública poderá crear grupos de traballo específicos en función das necesidades.
    9. O coordenador do plan será nomeado polo Conselleiro de Sanidade e terá como funcións específicas impulsar, dirixir e coordena-los traballos que se leven a cabo. A coordenación do programa será dotada dos medios persoais e materiais suficientes para o cumprimento das funcións encomendadas.
    10. O presente programa quedará adscrito á Dirección Xeral de Saúde Pública, que asume as funcións directivas do Plan e anualmente determinará os obxectivos e actuacións necesarias para o seu mellor funcionamento.
    DISPOSICIÓN DERROGATORIA
    Quedan sen efecto tódalas disposicións da mesma ou inferior categoría que se opoñan ó establecido nesta Orde, en especial a Orde do 10 de marzo de 1987, pola que se crea a Comisión de Seguimento e Control do SIDA en Galicia.
    DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
    Primeira.- A presente Orde entra en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
    Segunda.- Facúltase ó Director Xeral de Saúde Pública para o desenvolvemento e execución desta Orde.

    Volver