• RSS Info Sida

  • RSS CDC HIV/AIDS

  • RSS VHI/SIDA en Cruz Roja


  • A infección polo virus de inmunodeficiencia humana (VIH) cursa cunha historia natural moi longa. Desde que unha persoa se infecta ata que desenvolve a enfermidade, é dicir, a síndrome de inmunodeficiencia adquirida (SIDA) poden pasar máis de dez anos. Coa aparición dos tratamentos antirretrovirais de alta eficacia conseguiuse diminuír significativamente os casos de SIDA, sen que isto implique necesariamente un descenso paralelo nas infeccións polo VIH.


    Neste contexto é prioritario, para a prevención da infección polo VIH, coñece-las prácticas de risco a través das que se está transmitindo a infección no momento actual.

    A nivel internacional a creación de sistemas de información sobre VIH é hoxe en día unha necesidade recoñecida para un control adecuado da infección polo VIH. Desde 1999 a creación e extensión dos sistemas de información sobre o VIH encóntrase entre as recomendacións de tódolos organismos nacionais e internacionais acreditados en materia sanitaria: a Organización Mundial da Saúde, o Programa Conxunto das Nacións Unidas sobre o VIH/SIDA (ONUSIDA) e o Centro para o Control de Enfermidades de Atlanta (CDC).

    Seguindo estas recomendacións, a nivel estatal o Ministerio de Sanidade e Consumo creou o Sistema de Información de Novas Infeccións do VIH (SINIVIH), publicando o contido do ficheiro mediante a Orde do 18 de decembro de 2000 (BOE, nº 11, do 12 de xaneiro). O devandito sistema de información nútrese da remisión semestral de datos procedentes das comunidades autónomas, polo que o Sistema de Información Galego sobre a infección polo Virus da Inmunodeficiencia Humana (SIGIVIH) seguirá a liña proposta polo Ministerio de Sanidade e Consumo.

    A información sobre estas novas infeccións polo VIH, coa creación e posta en marcha do Sistema de Información Galego sobre a infección polo Virus da Inmunodeficiencia Humana (SIGIVIH) cubrirá estes baleiros de información e permitirá á Administración sanitaria tomar decisións en materia de prevención.

    Polo anterior, e tendo en conta a observancia do disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, cómpre acomete-la súa regulación de conformidade cos criterios e garantías de confidencialidade determinados de xeito imperativo pola devandita norma.

    O Estatuto de Autonomía de Galicia establece, no seu artigo 33, puntos 1º e 4º, que lle corresponde á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior e que poderá organizar e administrar, para tales fins e dentro do seu territorio, tódolos servicios relacionados coa materia antes expresada.

    A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, establece no seu artigo 23 que as administracións sanitarias, de acordo coas súas competencias, crearán os rexistros e elaborarán as análises de información necesarias para o coñecemento das distintas situacións das que poidan derivarse accións de intervención da autoridade sanitaria.

    O Decreto 177/1998, do 11 de xuño, polo que se crea a Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública establece no artigo 5º que os profesionais, establecementos e centros sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia participan na citada rede e teñen a obriga, segundo consta no artigo 6º, de subministrar datos co contido, formato e periodicidade que se indique nas ordes que regulen os diferentes sistemas e rexistros que en cada momento compoñan a Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública.

    Pola súa parte, o Decreto 77/2001, do 29 de marzo, sobre centros, servicios e establecementos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, determina no seu artigo 4 d) a obriga destes de proporciona-la información solicitada pola Administración sanitaria.

    As necesidades, en materia de prevención, de xestión e prestación de servicios sanitarios a persoas infectadas polo VIH/SIDA, xustifican a creación do Sistema de Información Galego sobre a infección polo Virus da Inmunodeficiencia Humana (SIGIVIH), ó amparo do Decreto 177/1998, do 11 de xuño, polo que se crea a Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública (DOG nº 122, do 26 de xuño), que ten por finalidade identificar e caracterizar problemas de saúde na poboación galega, para facilita-lo seu control, sexa con medidas individuais ou colectivas, segundo reflicte o artigo 2 do citado decreto, e da Orde do 17 de decembro de 2002 pola que se crean determinados ficheiros automatizados de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Sanidade e no Servicio Galego de Saúde (DOG nº 5, do 9 de xaneiro de 2003). A creación do SIGIVIH non afecta a Orde do 4 de decembro de 1998 que regula o sistema específico de vixilancia da SIDA (DOG nº 49, do 28 de decembro), que se mantén en tódolos seus termos. O antedito rexistro e o SIGIVIH son independentes e posúen unha metodoloxía e uns obxectivos diferentes. A información dos dous é complementaria polo que o estudio de ambos permiten obter unha visión global acerca da infección por VIH/SIDA en tódalas súas fases.

    En virtude do exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia número 836/2003, do 17 de decembro, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de xaneiro de dous mil catro,

    DISPOÑO:

    Artigo 1º.-Obxecto.

    1. Este decreto ten por obxecto a creación do Sistema de Información Galego sobre a Infección polo Virus da Inmunodeficiencia Humana (SIGIVIH) para levar a cabo a vixilancia epidemiolóxica da infección polo VIH en Galicia, quedando integrado na Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública.

    2. A información, codificada, sobre os novos diagnósticos de infeccións, que se producen polo VIH e detectadas polos facultativos nos servicios, centros e establecementos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, incluirase no ficheiro denominado Sistema de Información e Vixilancia de Problemas de Saúde Pública, dependente da Dirección Xeral de Saúde Pública e que está regulado na Orde do 17 de decembro de 2002.

    Defínese como novo diagnóstico o primeiro diagnóstico de VIH (+) que se realiza a unha persoa da que non se ten constancia de ter outras probas positivas con anterioridade.

    3. O SIGIVIH permitirá coñece-la evolución temporal e xeográfica da infección e a súa distribución entre a poboación con diferentes prácticas de risco.

    Artigo 2º.-Declaración de casos detectados.

    1. Todo o persoal médico en exercicio, no ámbito territorial da comunidade galega, está obrigado a declara-los casos de novos diagnósticos de infección polo VIH ante a Dirección Xeral de Saúde Pública.

    2. A declaración farase no prazo dun mes a partir da data de confirmación do diagnóstico de VIH.

    3. Tódolos participantes do Sistema de Información Galego sobre a Infección polo VIH adoptarán as medidas necesarias para manter a confidencialidade e a seguridade dos datos.

    Artigo 3º.-Procedemento da declaración.

    1. O declarante deberá notifica-lo caso de novo diagnóstico de infección polo VIH e remitir cuberto o formulario de notificación (anexo I) no prazo sinalado, ó Sistema de Información Galego sobre a Infección polo Virus da Inmunodeficiencia Humana, adscrito á Dirección Xeral de Saúde Pública. Alternativamente, cando así o indique a Dirección Xeral de Saúde Pública e o Servicio Galego de Saúde (Sergas), farase a través dunha aplicación informática específica. Esta transmisión da información basearase nunha certificación electrónica, cifrada e asinada electronicamente.

    2. A responsabilidade de garanti-lo cumprimento deste decreto recaerá sobre os xefes das unidades asistenciais, ou no seu defecto, sobre o director médico dos servicios, centros e establecementos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, que responderán da achega de información respecto dos casos detectados no respectivo centro.

    Artigo 4º.-Datos da declaración.

    Os datos que deben figurar na declaración ó Sistema de Información Galego sobre a Infección polo Virus da Inmunodeficiencia Humana son os seguintes:

    -Datos de identificación do declarante: nome do centro, unidade/servicio, nome e apelidos da persoa declarante, teléfono/s de contacto e data de declaración.

    -Control de duplicados e información demográfica: primeira e segunda letra do nome, primeira e segunda letra do primeiro apelido, primeira e segunda letra do segundo apelido, sexo, idade ó diagnóstico, data de nacemento, concello de residencia, provincia de residencia, país de residencia, país de orixe e ano de chegada a España, se é o caso.

    -Información clínica e epidemiolóxica: test positivo confirmado, data do primeiro resultado positivo confirmado, posibles mecanismos de transmisión, estadio clínico da infección, reconto de CD 4 e carga viral.

    Artigo 5º.-Límites.

    A información recadada considerarase estrictamente confidencial e só se utilizará para os fins expresamente previstos no ficheiro denominado Sistema de Información e Vixilancia de Problemas de Saúde Pública.

    Artigo 6º.-Órgano responsable.

    A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade é o órgano encargado da xestión e seguridade do Sistema de Información Galego sobre a Infección polo VIH.

    Artigo 7º.-Infraccións e sancións.

    1. O incumprimento do previsto neste decreto constitúe unha infracción administrativa sanitaria, segundo os criterios establecidos na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e poderá ser obxecto da sanción correspondente, logo da instrucción do oportuno expediente, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou disciplinarias que puidesen concorrer.

    2. Así mesmo, aplicarase o réxime de infraccións e sancións prevista na Lei orgánica 15/1999, do 13 de novembro, de protección de datos de carácter persoal, para o caso de que no proceso de declaración dos novos diagnósticos da infección polo VIH, ou na xestión destes datos polo Sistema de Información Galego sobre a infección polo Virus da Inmunodeficiencia Humana, se incorra en calquera dos supostos tipificados no artigo 44 da antedita lei orgánica.

    Disposicións derradeiras

    Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para adoptar cantas medidas sexan precisas para o desenvolvemento e execución deste decreto.

    Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte da publicación no Diario Oficial de Galicia.

    Volver